Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta presenta ante todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia a futura Estratexia de Acción Exterior de Galicia


O obxectivo do encontro é presentar unha síntese da futura Estratexia de Acción Exterior para que os grupos poidan presentar achegas, suxestións, aportacións e participen da súa redacción

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo reuniuse esta mañá con cinco deputados de tódolos grupos parlamentarios e escoitou as súas achegas e suxestións ao texto da futura Estratexia galega de Acción Exterior, que desenvolve o Decreto de Acción Exterior, en vigor desde o pasado mes de decembro de 2015

O deseño básico da Acción Exterior debe fundamentarse no máis amplo consenso posible, alén da coxuntura política concorrente, por iso desde a Xunta hai interese de que tódolos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia participen na redacción da Estratexia, incidiu o director xeral.

O obxectivo principal é cumprir o mandato do DRAEX, no senso de que Galicia se dote dunha Estratexia diferente á estatal que poida servir como marco de referencia ás actuacións da Comunidade Autónoma no exterior e como guía dos operadores socieconómicos da Comunidade Autónoma no eido internacional co fin de definir obxectivos, ámbitos de actuación e instrumentos para acadalos.

O 7 de decembro de 2015 publicouse no DOG o Decreto 178/2015, de 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia (DRAEX). Este Decreto foi fundamentalmente a reacción ao novo marco xurídico delimitado pola Lei 2/2014, do 25 de marzo, da acción e do servizo exterior do Estado, e máis pola Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais, así como pola ulterior aprobación da Estrategia española de Acción Exterior (ESPAEX).

Compre ter en conta, tamén, a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, tamén chamada “Lei Paz Andrade”, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), así como a Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T) e o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que xurde dun amplo proceso de participación e que está neste momento seguindo o trámite parlamentario para a súa aprobación en Pleno en datas próximas.

Este novo marco xurídico e normativo abre novas expectivas e novos retos, coma incrementar a internacionalización da nosa economía (comercio exterior e investimentos) e diversificar os mercados exteriores, alén da UE; camiñar na integración máis estreita posible con Portugal –nomeadamente a traveso da súa Rexión Norte; mellorar o aproveitamento dos Fondos Estruturais de cara ás perspectivas financeiras da UE post 2020 (Fondos UE para Galicia), identificando novos escenarios e novos aliados; fomentar a captación de recursos europeos para o desenvolvemento de proxectos en I+D+i que nos acheguen ao cumprimento dos obxectivos UE’2020; e consolidar a marca “Cooperación Galega”, tendo en conta a especialización e o valor engadido da cooperación para o desenvolvemento que se fai desde Galicia.

O Decreto 178/2015 (DRAEX) prevé no seu capítulo primeiro a regulación da planificación e elaboración da Estratexia galega de acción exterior (EGAEX), definida como plan en que se concretarán as prioridades que interesen ou preocupen a sociedade galega, facendo especial fincapé na promoción da lingua, cultura e imaxe de Galicia, na defensa dos dereitos e expectativas da diáspora galega nos Estados en que estivera asentada, na promoción da empresa e a economía galegas no exterior e no estreitamento do vínculo con Portugal e coa comunidade lusófona de nacións.